HISTORIA


A Escola de Música Municipal de Moaña inicia a súa andadura, como institución renovada e co seu sistema de ensino, en outubro do ano 1999 co obxectivo de cubrir as necesidades e demandas no ámbito musical do municipio, de profunda tradición cultural.

Dende o inicio desta etapa, a escola mantén hoxe en día vivos os obxectivos primordiais como centro de ensino musical en:
  • Fomentar a educación musical e a práctica de xeito natural da música e promover o interese e a comprensión do feito musical dende a primeira infancia.
  • Ofrecer un ensino aberto a todas as idades e culturas, atendendo ao compromiso contido no fundamento desta escola.
  • Potenciar os valores de conduta que propicien o axeitado desenvolvemento psicolóxico e social.
  • Ofrecer unha preparación de adestramento completo, corporal, vocal e instrumental atendendo á liberdade e diversidade de formación e á proxección futura do alumnado como músico.

A formación musical municipal en Moaña xérase en realidade no ano 1981 cando, promovido polas inquedanzas das diversas asociacións culturais e musicais, impúlsase a creación dun servizo de educación musical aberto e dispoñible para todos.                           O mestre Manuel Iglesias Martínez é a persoa escollida nese momento que se encargará da difusión dos coñecementos musicais tanto en formación instrumental como na aprendizaxe teórica. É ademais a persoa encargada de recuperar a estima de dúas agrupacións referentes no municipio como son a Banda de Música Popular "Airiños do Morrazo" e  a "Masa Coral Moañesa". Ao longo de dezaoito anos transmitiu co seu encomiable labor os seus coñecementos por todo o territorio moañés e o seu respecto pola música ás centenas de alumnos e alumnas que pasaron polas súas aulas e das cales saíron algúns dos máis recoñecidos profesionais desta vila.

É no 1998 cando “Don Manuel” se xubila das súas funcións e o ensino co formato igualmente unipersoal queda en mans de Alberto Currás Piñeiro, que uns meses despois se incorpora ao goberno municipal como concelleiro do Departamento de Cultura. Será el quen deseñe a convocatoria de dous postos de media xornada para ocuparse do ensino polo que, en outubro de 1999, fanse cargo finalmente da xestión da educación musical dous mestres titulados: María Jesús Gutiérrez Sampedro e David Santiago Díaz que imparten materias de instrumentos vento, piano e linguaxe musical, así coma un grupo de pedagoxía infantil destinada a introducir no mundo da música a rapaces de tres a sete anos. 

A nova escola instálase no que hoxe en día é o Centro Social e Cultural de Abelendo, adquirindo así, por primeira vez unha sede permanente, pasando a estar centralizada e institucionalizada. Ese primeiro curso, o grupo de alumnos ascende a un total de dezaoito rapaces e rapazas.

Ao longo dos tres anos lectivos posteriores foi aumentando progresivamente o número de alumnas e alumnos e fóronse ampliando o número de materias impartidas e de profesorado para atender as necesidades do alumnado que ían entrando na disciplina. Así, xa no ano 2001, a Escola Municipal de Música conta con tres profesores ao incorporarse Lino Barcia Santomé e impártense materias de instrumento tales como: frauta, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón e piano; materias de grupo: linguaxe musical, instrumento colectivo e a xa citada pedagoxía infantil.


É nese ano 2001 cando a escola vese na obriga de trasladar a súa sede por problemas de espazo e queda provisionalmente situada nas instalacións do Colexio Público Reibón, dirixido por aquel entón por Emiliano Sotelo.

Mais foi no curso 2003-04 cando o aumento de alumnado se fixo máis patente. O número de alumnas e alumnos ascendeu ese curso a un total de 62, dos cales 10 son persoas adultas, quedando varias persoas interesadas sen poder optar a unha praza dentro da escola. A forte demanda urxía a necesidade de modificar o proxecto curricular de centro no que se engadiron algunhas materias máis coma CORO e Conxunto Instrumental.

No curso 2004-05 a escola pasou a estar rexistrada na Rede de Escolas rexida pola Xunta de Galicia e noméase oficialmente director a David Santiago Díaz, profesor de trompeta. Alén diso, foise ampliando o horario do profesorado existente para poder abarcar todas as ensinanzas programadas.

Fronte á gran demanda nese curso, establécese un Plan de escolarización a través do cal se permitía o ingreso na escola e o fluxo continuo curso a curso dunha promoción anual duns 20 rapaces e rapazas, co que se asegurou atender parcialmente as solicitudes que se xeraban nos períodos de matrícula. Con este sistema, o número do alumnado aumentou nos anos seguintes precisando da contratación de dous profesores/as máis, María González Graña que se incorpora no ano 2007 e algo máis tarde, no ano 2010 Salvador Meira Corrales ate acadar a cifra de cinco profesores e profesoras e de 190 alumnos/as, cantidade que hoxe en día se mantén estable.

Salientable tamén é a sinatura, no ano 2007, do convenio entre o Concello e a Banda de Música Popular “Airiños do Morrazo” a través do cal se ofertan actividades, cursos e obradoiros complementarios para a rapazada e persoas maiores matriculadas e non matriculadas na escola e organizados nesta. Estes "Obradoiros Musicais da Escola" pasan no 2011 a estar coxestionados pola ANPA "Diapasón" da Emmm, que ao longo de todos estes anos e con diferentes directivas achega un esforzo extraordinario para manter a proposta. Grazas a estas actividades, a escola amplía a súa oferta e achégalle outras prácticas ao usuario como a práctica da guitarra ou batería, aulas de baile HIP HOP e moderno, aula de MusicAventuras e Musicabebés, o GRUPop ou a aula de Musicoterapia. 

A Emmm trasládase en novembro de 2010 á "Casa da Música", sede oficial da escola dende entón, situada na Reitoral de San Martiño. Este feito supón unha adquisición de identidade que marcará a evolución dos vindeiros anos na tarefa diaria do centro e envolve a actividade musical cun carácter especial, case máxico. Dende entón, a incorporación de Luís Benito Alba Salgueiro por espazo de tres anos e medio, debido a unha excedencia de Salvador Meira ó incorporarse á corporación municipal como Concelleiro de Cultura e un cambio no equipo directivo no ano 2016 cando David Santiago, despois de case quince anos dedicados ao proxecto, cede a batuta na xestión do centro á María Jesús Gutiérrez que continúa na actualidade marcando ritmo nesta á comunidade musical da Emmm.



A ACTIVIDADE NA ESCOLA
Audición de Alumnos. 2014
A finalidade do músico sempre é a mesma: que todo vaia segundo o previsto, que as dificultades no manexo das habilidades pretendidas vaian polo bo leito e así ofrecer unha proposta que agrade a quen escoita. Pero por enriba de todo, existe a finalidade da satisfacción persoal de escoitarse a un mesmo, e si é na compaña doutros músicos, mellor. Porque a música ofrece estímulo cerebral, emocional e vital a cada segundo da interpretación e ofrece tamén un vehículo de compromiso e superación co compañeiro/a de cara a un obxectivo común.
  
Profesores no Encontro en Panxón. 2019
Dende o inicio desta nova etapa alá polo 1999 ate o día de hoxe, grazas ao compromiso e esforzo dos alumnos e alumnas, ao tesón e dedicación do profesorado, ao apoio da Asociación de Pais e Nais e de todas e cada unha das corporacións de goberno municipal o centro realizou un total de:


352 Audicións de alumnos/as
76 Festivais e concertos
7 Encontros con outras escolas
7 Concentracións musicais de fin de semana
13 Concertos didácticos e contos musicados para escolares
2 Gravacións de CD
119 Cursos e obradoiros complementarios.
Actuación na Escola. 2017
Encontro coa Escola de Valga. 2008
Encontro Galego Escolas de Música. 2009
Encontro coa Escola de Vigo. 2009
Gravación 1º CD. 2014

Actuación Inicicación Infantil. 2015
Concerto Benéfico. 2014
Concerto Letras Galegas. 2016
Concerto para Escolares. 2017
Concerto-encontro en Tui. 2016
Encontro Escolas Municipais. 2013
Encontro en Viana do Castelo. 2014
Encontro Galego de Coros. 2016
Gravación 2º CD. 2019
Encontro coa Escola de Mondariz. 2011
Encontro coa Escola de Ribadumia. 2010

Concerto de Nadal. 2016

Concerto en Reibón. 2005
Concerto didáctico en Reibón. 2006
Concerto en Abelendo. 2002